Cereal para o almorzo
Os cereais de almorzo ou simplemente cereais son produtos alimentarios empaquetados derivados de distintos cereais como o arroz, o millo ou a avea, dando como resultado unha especie de folliñas ou flocos de avea, flocos de millo, flocos de arroz, que se comercializan para seren consumidos principalmente de mañá cedo polo almorzo. Consómense xeralmente fríos e servidos cun líquido como o leite ou a auga. Ocasionalmente tamén se lle engaden noces, outros froitos secos, froita fresca ou seca, así como complementos alimentarios (vitaminas, lévedo de cervexa, lecitina de soia etc.).
A promoción destes cereais diríxese tanto ao público infantil coma a adultos. No caso dos primeiros, os cereais son azucrados ou saborizados con mel, chocolate ou froitas, e enriquecidos con distintas vitaminas e minerais. Para os adultos, promóvense os beneficios dunha dieta saudábel, baixa en graxas e alta en fibras (están moi dirixidos ao público feminino).
Entre os maiores produtores de cereais para o almórzo atópanse a Kellogg's, a Quaker Oats e a Nestlé. A industria dos cereais ten unhas marxes de beneficios brutos do 40-45%,[1] 90% de penetración nalgúns mercados,[2] e un crecemento continuado ao longo da súa historia.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]Os cereais para o almorzo teñen as súas orixes no movemento vexetariano do último cuarto do século XIX, que influenciou os membros da Igrexa Adventista do Sétimo Día nos Estados Unidos.[4] O principal almorzo da cultura occidental nesa época era o almorzo completo que incluía ovos, touciño, salchichas ou outros produtos cárnicos. En Galicia tradicionalmente[5] o almorzo consistía nunha cunca de leite ou caldo con pan cando o almorzo se facía na casa, e en pan con touciño entrefebrado, chourizo ou xamón cando se almorzaba fóra da casa. Moitas veces tomábase antes do almorzo a parva, que consistía polo xeral nunha copa de augardente con pan [6].
O primeiro cereal para o almorzo, Granula, foi inventado en 1863 por James Caleb Jackson, en Dansville, Nova York. Os cereais non prosperaron por seren imprácticos, pois necesitaban ficar na auga durante a noite anterior para podérense consumir.
A xeración de cereais para o almorzo a seguir foi considerabelmente máis conveniente, e en combinación cunha promoción intelixente, finalmente lograron prosperar. En 1877, John Harvey Kellogg, inventou un biscoito feito de trigo, avea e fariña de millo para pacientes que sufrían do intestino. Inicialmente, o seu produto tamén se chamou Granula, mais cambiouse a Granola tras unha decisión xudicial. Máis tarde, o seu irmán, Will Keith Kellogg inventou os flocos de millo e fundou a compañía Kellogg's en 1906. Grazas a distintas campañas publicitarias, Kellogg's vendeu un millón de caixas ao cabo de tres anos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "How constipation cure became huge business". guardian.co.uk (en inglés). 28-12-2006. Consultado o 28-01-2009.
- ↑ "Breakfast Cereals Market Report". researchandmarkets.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22-02-2009. Consultado o 28-01-2009.
- ↑ "Report" (PDF). mmc.gov.uk (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19-04-2009. Consultado o 28-01-2008.
- ↑ "The History of Breakfast Cereals". inventors.about.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 18-10-2019. Consultado o 28-01-2009.
- ↑ Lorenzo, X. (1983). Os oficios. Ed. Galaxia. p. 311.
- ↑ "parva". Diciopedia do século 21 2. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 1581.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Caldwell, Elwood F. (2000). Breakfast Cereals and How They Are Made. American Association of Cereal Chemists. ISBN 1891127152.
- Bruce, Scott (1995). Cerealizing America: The Unsweetened Story of American Breakfast Cereal. Faber & Faber. ISBN 0571198511.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Cereal Buzz: Novas e críticas
- Comparación dos valores nutricionais Arquivado 19 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
- Os cereais e o muesli, os cales se compoñen nun 50% de azucre, causan sobrepesoArquivado 09 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.